domingo, 5 de mayo de 2013

10 DE MARZO: O CRIME FOI EN FERROL.


O CRIME 

Víuse, camiñando entre fusís, 
por unha rúa longa, saír ao campo frío,
aínda coas estrelas, da madrugada.

Mataron a Federico 
cando a luz asomaba.

O pelotón de verdugos
non ousou mirarlle a cara. 

                      (Antonio Machado, O Crime foi en Granada)


“A estirpe obriera de Ferrolterra, homes e mulleres, ocupa un lugar senlleiro no que poderíamos denominar a Historia da Esperanza. Xente feita coa mellor madeir da humanidade, nos obradoiros do mar.”
Manuel Rivas.

     Rafael Pillado Lista (San Cibrao- Cervo 1942). Reside en Ferrol desde os dous anos, seguindo ao seu pai, preso no Castelo de San Felipe, pola súa militancia antifranquista.


    Aos  15 anos incorpórase á Escola de Aprendices da E.N.BAZÁN, empresa onde transcorre  a súa vida laboral até a xubilación. En 1960 afíliase ao PCE, desenvolvendo unha intensa actividade política e sindical. Participa na fundación das CCOO (o seu carnet foi o nº2 de Galicia; Xulio Aneiros tiña o nº1). Detido e encarcerado en varias ocasións, por mor dos sucesos do 10 de marzo de 1972 é procesado polo TOP no coñecido como Xuízo dos 23, sendo condenado a 7 anos de cárcere, dos que cumpre 4, até ser amnistiado na transición. Cofundador do PCG, militou despois na Asamblea para a Universidade dos Comunistas, Partido dos Traballadores e PSOE.

     Na actualidade é membro do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e Vicepresidente da Asociación Cultural Fuco Buxán.

     É o personaxe elixido para narrar,en primeira persoa, os sucesos acontecidos no movemento obreiro de Ferrol no ano 72.

    A mellor maneira de coñecer e valorar esta revolución,que afectou tanto á nosa cidade e cuxa factura se pagou coa vida de dous traballadores de Bazán, é escoitando  a entrevista que lle fixen a Pillado, na asociación cultural Fuco Buxán  o pasado sábado, 26 de xaneiro. 









     Despois de facer esta entrevista dinme conta de que teño moito que aprender da persoa de Pillado, alguén que ten moi claro o concepto de saír adiante na vida a pesar de atopar obstáculos no medio do camiño e, sobre todo, que claras ten as súas ideas e como fai todo o posible para poder conseguir o que quere, saíndo á rúa para loitar ou poñer todo de seu para axudar aos seus compañeiros cando o necesitan.



  Por outra banda hai que destacar a amabilidade que tivo á hora de empregar o seu tempo para responderme a estas cuestións,  tempo moi apreciado debido á grave enfermidade que padece na actualidade, tal e como me dixo: “ case morro o 22 de novembro, e aínda así estamos aquí”.

   É de destacar o seu compromiso coas diferentes mobilizacións que atopamos  na comarca para poder axudar a conservar  a súa existencia, como por exemplo estar a apoiar o movemento que está en contra da planta de gas, coñecido polo seu lema “Planta de gas fora da ría”,  do cal forma parte.


    Segundo a recente obra que escribiu, titulada “ O latexo da vida e da conciencia”, caben destacar as numerosas presentacións que se están a realizar por diferentes lugares (Ferrol, Valdoviño, Madrid ou Barcelona). Son de admirar as intensas ganas que ten  de seguir a escribir a segunda parte deste libro, o cal vai  tratar sobre a súa vida, unha vez que saíu do cárcere.


    Por último, quero engadir que a entrevista a Rafael me gustou especialmente porque me transmitiu  a súa ilusión por poder escribir, nun futuro, unha terceira obra para completar a triloxía onde se conte a súa vida e a do seu pai, nos anos nos que os dous coincidiron na historia, unha homenaxe moi emotiva por todos os sentimentos que a acompañan.



     Foi para min todo un pracer e un privilexio poder compartir este tempo con Rafael Pillado Lista, modelo de vida a imitar polo seu compromiso, a súa loita pola causa obreira e, sobre todo, por ser boa xente.

No hay comentarios:

Publicar un comentario