Queridos
Esperanza e Antonio:
Escribo
esta carta porque creo que xa é tempo de que alguén da nosa familia
vos faga a homenaxe que tedes ben merecida. Non me estou referindo á
vosa tarefa como pais que tal difícil foi para sacar adiante unha
familia con once fillos na aldea de Chantada, se non á vosa
contribución á loita polas liberdades do noso país en tempos da
posguerra.
Esta
fin de semana fomos xantar a casa da avoa Olga, coma sempre, e eu
saquei o tema porque tiña que facer un traballo de investigación
sobre a memoria histórica de Galiza e lembrei que ela tiña falado
nalgunha ocasión dos fuxidos.
Cando
sentamos á mesa empezou a falar das vosas ideas de esquerdas, tan
importantes para a familia, e do voso compromiso coa xente de
Paderne, Irixoa, Chantada, Belouzás... que andaba escapada polos
montes, as covas da volta, na ribeira da Ría de Betanzos ou río
arriba, polo Mandeo.
Quixen
saber máis detalles sobre o tema e, entre prato e prato, contounos
como varios veciños e veciñas da vosa aldea estabades a levarlles
comida e roupa ao monte aos fuxidos e mesmo lles axudabades a
esconderse. Segundo a avoa comentou, dis que baldeiráchedes o pozo
negro do porín da vosa casa para agochar alí a uns homes. Sei que
os buscaba a Garda Civil porque alguén os tiña denunciado.
En
todas as aldeas había persoas que non querían ben a algún veciño
e que estaban enenistados por un pleito de terras ou por problemas de
herdanzas que nada tiñan que ver coa política e aproveitaban a
ocasión para denuncialos na Casa Cuartel, acusándoos de roxos. Unha
denuncia chegaba para que os meteran na cadea e, moitas veces , para
que os condenaran a morte. Outras
veces eran os propios curas os que denunciaban aos seus feligreses
porque non ían á igrexa ou estaban casados polo civil. Así foi
como morreron moitas persoas, os paseados. Os gardas ían por eles e
aparecían mortos nas beiras dos camiños, na praia ou ao pé das
igrexas.
Acordádesvos
cando iades a Betanzos, cas do irmán do bisavó, dono da serraría,
levar comida e algúns cartos para que el llos dera a outra xente
escapada? Del ninguén sospeitaría xa que tiña unha boa posición
social e de todos era sabido o seu apoio ao réxime franquista, o que
non lle impediu ser quen de axudar e salvarlle a vida a varias
persoas da familia e da súa aldea, aínda que foran do outro bando,
como así se dicía.
Cando
chegamos á sobremesa, avoa comentou que cando rematou a guerra, a
xente que loitou cos republicanos, e que daquela estaba na cadea
(como era o caso dalgún dos nosos familiares), soltárona e voltou
ás súas casas. Outros combatentes entregáronse pero houbo uns
cantos que xa antes de empezar a guerra civil, fixeran a guerra de
guerriñas e non pertencían ao exército da república e tiveron que
esconderse en lugares que coñecían ben ou nas casas de xente
comprometida coma vós porque a Garda Civil andaba na súa percura
por ser antimonárquicos ou pertencer aos partidos das esquerdas.
Convertíronse en fuxidos e estiveron varios anos sobrevivindo á
marxe da lei, separados das súas familias, agardando a chegada dunha
axuda internacional contra o réxime do dictador, axuda que nunca
chegou. Algúns conseguiron fuxir a Francia ou ás Américas e outros
foron apresados, torturados e asasinados pero a meirande parte loitou
ata a morte, en condicións moi difíciles, por unha causa perdida.
Cando
rematamos o xantar, todos estabamos impresionados polo que viñamos
de escoitar. Quedamos abraiados pola vosa valentía en tempos tan
duros e difíciles. Díxenlle á miña avoa que tiña que contarnos
máis cousas da vosa vida para coñecervos mellor e poder aprender do
voso exemplo. Prometeunos que así o faría.
Vós
non chegáchedes a coñecerme. Son Esperanza, a filla maior do voso
neto Anxo, o de Olguita. Quero que saibades que estou moi fachendosa
de levar o nome da miña bisavoa e gustaríame parecerme a ela no
afán de compromiso e loita pola xustiza e liberdade.
Dende
estas liñas recibide a miña homenaxe onde quera que esteades.
A
vosa bisneta que nos vos esquece,
Esperanza.
No hay comentarios:
Publicar un comentario