martes, 21 de mayo de 2013

Rosiña



Mente en branco. 

Iso é o que necesitamos para entender esta historia.

Esquecédevos do que tedes escoitado de que en Galicia non houbo guerra

Os que levamos un ano indagando superficial  ou máis profundamente no pasado de Galicia sabemos que esconde máis segredos dos que imaxinamos. Isto non vai de segredos, vai do que non nos contan os libros de historia que temos que memorizar para ter unha nota bonita ó final da evaluación. Aquí non importa a nota. Cando se fai historia, entendendo historia coma un feito que marca todo un período de tempo, transgredíndoo e cambiándoo,  non estás pendente de que alguén nun futuro terá que estudalo e comprendelo en profundidade para ter boa nota. Non hai nota. 

Quen nos conta a nós nos libros todas as historias de cada unha das persoas que viviron unha guerra? Son ou non son historia? Non teñen algo que aportar para comprender mellor a maior catástrofe que viviron?
As súas vivencias non contan para aprender dos erros que tanto uns como outros cometeron? A historia márcana as tropas cun nome mundialmente coñecido por arrasar con cidades indefensas. Militantes que deron o golpe de campá para iniciar un golpe de estado. Exércitos que se mobilizaron ó antollo do xeneral. Xenerais que fracasaron nos seus intentos de instaurar un réxime novo, diferente, o que eles consideraban mellor para a súa tan amada patria que dividiron e devastaron co terror. Cada un coa súa propia opinión, co seu propio ideario, coa súa mente. CADA UN. Se soamente, outra vez, si, é un tópico moi repetido na historia, pero é o que marca a historia coma tal, a historia dos libros de texto de máis de 300 páxinas, se tivera en conta a opinión dos que teñen o poder para permitirnos dicir “isto é historia, merece estar nos libros, merece ser estudado”, onde chegaríamos? Viviríamos nunha continua ditadura de pensamentos? Viviríamos limitados a aceptar o pasado dunha guerra co pensamento dos vencedores? Os vencedores terían sempre a razón. Soamente o seu punto de visto. A súa historia persoal que converteron egoistamente na historia de todos. Non creo que ninguén póñase a dar saltos de alegría ó dicir “Eu viven na ditadura”. Ninguén, que aínda conserve a esencia da liberdade que determina ó home coma un ser autónomo e LIBRE, vai ir pola rúa irradiando felicidade tendo no seu recordo a palabra “ditadura”. Ata incluso os que a causaron chegará un momento no que esa palabra non se corresponda co seu ideario de “o mellor para o pobo” imposto pola forza, claro, con miles de mortes ás súas costas que defendían unha ideoloxía diferente á dos vencedores, unha ideoloxía resumida nesa palabra tan utópica chamada LIBERDADE. Soñar é gratis, non? E naqueles tempos de limitación do pensamento libre máis aínda.
A imposición dun pensamento individual, en resumo, imperaba contra a normalidade dun pensamento colectivo. 

Iso é o que pasou á historia: un pensamento propio dun moi afortunado nese momento

NADA MÁIS. 

Os demáis non existían, pero os demáis TIÑAN A SÚA PROPIA HISTORIA, e algúns, os máis valentes, UNHA OPINIÓN DIFERENTE, unha opinión que marcou a súa historia persoal. 

A morea de historias das guerras e ditadura que pode haber… Calculade o número de habitantes da tan querida España polos falanxistas e teredes cantas historias tráxicas e vitoriosas hai, nun bando e noutro. Todos teñen a súa historia, TODOS SON HISTORIA. Mais a súa historia só forma parte dunha pequena parte do temario dos libros de historia, esa que poderíamos chamar “Sociedade, oposición, traxedia e bágoas”, a que só serve para entender o contexto…

Neste contexto situémonos en Galicia, na máis próxima ditadura mirando cara atrás, nos anos 40, nos precedentes da II Guerra Mundial, nos precedentes dunha loita contra os fascismos, nos precedentes de relacións do que tanto amaba esa “España grande e libre” con Alemaña. Nos inicios dunha bonita amizade entre colegas de ideoloxía, nos inicios da devastación de Galicia coma un terreo de experimentación e desgaste. Non me cadra, non era a túa querida terra onde viñas pasar as vacacións de verán? Por que a vendes? Por que a expós a tropas fascistas estranxeiras? E que non hai forma de sustentar o réxime tan querido que acabas de protagonizar? E que quedaches sen acción suficiente no 39 que queres participar noutra guerra de dimensións mundiais? Se queres á túa patria porque a tes en contacto co inimigo? Ah, perdoade, o inimigo agora é amigo, era antes da guerra cando era inimigo. 

Galicia, houbo guerra, si. Non das loitas que agora teredes en mente con tropas e tropas mutilándose uns a outros. Vigo, guerra submarina, guerra da comunicación, guerra do mineral, do volframio,  guerra dos espías… E España era neutral e estaba ofrecendo ó réxime alemán as máis variadas vantaxes para consolidar o seu armamento e comunicacións… Canta mentira, canta contradición… Canta… que poderíamos pedir, actuábase cos interese de Paco. O que Paco quería que sucedese, acontecía, porque era a súa vontade. Así a Galicia do tópico de fermosura na que el mesmo nacera, convertíase nunha Galicia con antollo de Alemaña. A amizade, o que fai, dar tumbos pola vida. 

Nesta Galiza imaxinádevos a unha rapaza duns 15 anos no porto de Vigo  ou de Ferrol, a miña amiga Rosa que vía dende a súa ventá tropas do que se facía chamar a Lexión Cóndor, tropas deses rubios alemáns, tropas que traerían a devastación a Guernica… E Galiza dándolle minerais cos que mellorar o armamento… e sendo un centro de espionaxe… e albergando nas súas costas de Vigo e Ferrol submarinos que Rosiña imaxinaba dende a súa ventá. Coma moitos dos que se mantiñan á marxe do que se traía entre mans Paco e seus novos amigos, ela quería saír a ver que pasaba. No quería estar toda unha vida mirando por unha ventá que ía esvaecéndose cos días. Quería unha ventá sen cristal. Unha ventá valeira que puidera ir enmarcando ela mesma co que ela mesma pensara e cría, co que ela cría que sería o importante para recordar na memoria da historia, coa súa vida, as súas vivencias, coas súas traxedias e alegrías. A súa vida, non a que lle mandaran. O que o seu instinto natural de liberdade lle transmitira… Liberdade. Iso era unha vez máis o que non tiña. Non cría que limitarse a estar nunha cociña coa súa reprimida nai vendo coma a Galicia que vía dende a súa ventá ía consumíndose nunha parte da guerra que lonxe, por sorte, acontecería. “O dano xa está feito” Exacto, a súa mente xa estaba chea de incomprensión e medo. Incomprensión que ela mesma fixera que a súa mente creara, co que ela vía e sentía, expulsando as razóns que lle traían medo. EXPULSANDO A OBEDIENCIA Á NEGACIÓN DA LIBERDADE

Pensádeo. Rosiña somos todos nós. 






Rosiña tivo a súa historia. Viu a historia que nós estudamos. E quixo cambiala, por ela mesma, sen que ninguén lle dixera “Vas facer historia, a túa guerra será estudada”. Quixo contribuír a un cambio desa tráxica e triste realidade na que vivía. 

É un chisco do ESPÍRITO DE INCOMPRENSIÓN E OPRESIÓN, que, non nos límites dunha ditadura, pero si dunha falsa democracia, nós vivimos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario