lunes, 6 de mayo de 2013

Se me lengua la traba


“Ola. Teño 17 anos e falo castelán porque son unha moza, e a xuventude de hoxe en día no fala galego… Ola. Teño tamén 17 anos e falo galego porque son do rural.”
Agora que xa teño a vosa atención coa introducción destes tópicos tan marcados despectivamente. Mellor, despectivamente para unha soa das linguas que mencionei. Ou pode que para as dúas, unha por ser a causante dos tópicos e outra por mantelos.

Agora xa vos teño máis impactados. Agora é cando non sabedes que postura teño eu porque primeiro marco unha e despois acuso ás dúas.
Pero, acusalas de que? Outra cousa máis na que non vos fixastes. Coma tampouco vos decatastes de que quen di as frases iniciais pode ser a mesma persoa, a mesma moza; si, pode haber alguén por ahí “do rural” que fale en galego por ser de onde é e castelán porque ten 17 anos e a moda ós 17 anos é falar castelán. “O rural”… Non vos fan pensar esas palabras? A min si, dende logo que si. É coma se estivésemos a desprestixiar “o rural” polo simple feito de ser “o rural”, e se lle engadimos tamén “o galego”, xa o estamos sentenciando á morte, a un soño lento por ser do rural e falar galego.O problema está na idea que se ten do rural. Antes todo o mundo era do rural, non si? E non me digades que non, porque se a aceptación de rural era a contraria á dun mundo industrializado e avanzado tecnicamente e demais enganos, pois tivo que haber algún momento no que nada diso existía, e polo tanto, todo era do rural. Pero neste século que concepto é o que se asocia ó rural? O do “pailán que fala galego que está todo o día coas vacas”? Ou cal? Porque de sempre, non de sempre, refírome a dende que eu recordo ter sentido común, os termos rural-pailán-galego-vacas estiveron relacionados. Tópico falso ou verdadeiro? Tópico ou realidade? Nin tópico, nin realidade, nin verdade nin mentira. Desprestixio. Desvalorización. Prexuízos. E non lle atopa máis substantivos. Por que ten que existir un tópico no que se vexa unha lingua coma a que lidera o “ránking do top 10” das linguas e a que non está nese ránking coma algo insignificante que non merece estar coas demais linguas? Poderíamos atopar a razón de todos estes conflitos, non só do que xera o uso do galego ou o castelán, na historia. Non quero falar dela, pero o certo é que a historia determinou o curso e futuro de moitas linguas. Aparece alguén con poder, outra cousa máis na que non me quero meter e fai que unha lingua, a do seu antollo, a súa favorita, pola que sente máis predilección, se converta na oficial, na única e indiscutible lingua do territorio que el goberne, aínda que haxa outras xa de antes en, si, comparando, pode, pequenos recunchos, que quedarán prohibidas. Se prohibes algo que é o común en moita xente, ou moi parvos son, ou moito medo che teñen, pero asegúroche que aínda que sexa polo seu propio orgullo de manter unha tradición, que a fin de contas é unha cultura máis, coma a do que aparece coma señor de todo e empeza a ditar ordes e quitar e pór linguas e leis, só por iso, eu penso que non van deixar o que falaban os seus pais, avós, bisavós, tataravós… E todo quen que estivera unido a ese lugar.
O que eu pense de se falar galego ou non, non lle interesa a ninguén. Non só porque teña 17 anos senón porque a idade marca a madurez dunha persoa, non si? E posto que so teño 17 pois o meu punto de vista non contará para nada. Son unha máis dunha minoría. Son unha máis dos resignados que aceptan todo o que se lles pase por diante tal e como é, porque lle ensinaron que é así. Pois non. Dentro da resignación e frustración que poda ter por non poder gritar e que me escoiten ser rirse dicindo que se me pasará coa idade ou que o pense mellor, ou que estude que é o meu, o que teño que facer por ter 17 anos, para o que me educaron, para o que estou aquí ó parecer… dentro de todas as limitacións que tradicionalmente me veñen  impoñendo, que me calen non o vou permitir. Poderán intentalo pero non. Eu vou seguir gritando. Se non me fan caso, eu farei o mesmo que eles fan comigo, non os escoitarei. Poderíamos entrar así nun destes círculos viciosos, sen saída: eles falan de min, planean o meu futuro e presente, o que teño que facer e o que non, entón é cando eu desobedezo o que alguén me impuxo porque era bo segundo o seu ver, sen pensar no que eu pensase. Así poderíamos estar milleiros de anos, sen facernos casos uns ós outros. Impoñendo o que consideramos mellor porque somos nós, os maiores, eses que se chaman adultos, e que din que son pola idade a madurez personalizada. E os pequerrechos e non tan pequerrechos asumindo o que lles din… Pero se eses pequerrechos entenden máis do que os outros pensan, que pasa? Non poden ter nin voz nin voto? Pois si, son só uns máis dos millóns de individuos que andan soltos polo mundo, pero a idade marca, entón todo o que podan dicir ou pensar por moi maduros que sexan para a súa idade, xa non se ten en conta… Pena.
Transcribide isto ó galego. Ó feito de se se fala ou non e o seu porque, a de prexuízos que poda ter ou non, os tópicos que poda haber marcados pola historia… en todo o que vos recorde ó galego. É un paralelismo lingüístico máis. Pensádeo. O galego dominado polo poder, polo castelán, porque é a madurez personificada das linguas que se falan onde vivimos, porque é o que sempre marcou a historia, e o galego á marxe?

Aínda sigo sen comprender porque tanto rexeitamento a falar galego ou castelán, a determinar que cada lingua deba estar nun lugar e outra noutra. Non sempre é así, seino. Pero as xeralizacións e os tópicos é o que fan pensar. Porque non pode ser cada un libre de falar a lingua que queira? Si, vale, hai que ter en conta unha adecuación á situación, ó denominado na gramática contexto. Non vas falar con alguén que non entende o galego, que non o fala, que non o escoita habitualmente en galego. Aínda que sexa alguén nacido en Galicia non vai ser a persoa que máis fale galego do mundo, viva onde viva ou traballe onde traballe. Pode soar algo incrédulo que un galego non coñeza o galego, pero vouno mirar mal pola rúa cando o saiba? Non. Cada un ten os seus motivos, as súas tradicións impostas, tanto coma se se quixo coma se non, para falar a lingua que fala.
Aquí non estou a defender que se fale galego por estar en Galicia, porque é a túa lingua autóctona, ou  para alguén moi extremista e demasiado fiel ós tópicos da historia, “porque é a lingua dos pailáns, e en Galicia só hai pailáns”. Soamente estou a dicir que cada un é libre de falar a lingua que queira por moitos condicionantes negativos que teña. Pero, claro, a historia e os prexuízos fan moito dano ás nosas propias limitacións lingüísticas… Logo xa se a un se lle traba a lingua por falar unha que non quere, pois que cambie a outra, non será por linguas no mundo!

O certo é que hai moitas posturas respecto ó uso do galego, se está ben visto ou non, se o fala a totalidade da poboación galega, se o coñecen… Son infinitos os conflitos que xera a oposición “Galego ou castelán en Galicia?”… Por iso mesmo neste vídeo intento resumir distintas, que no fondo son moi similares, posicións respecto ó galego. Pero iso si, opinións de xente da miña idade, opinións de quen ten 17 anos:

Agradezo a Andreia, Javier, Miriam, Chris e Pablo colaborar coma tertulianos neste debate.

No hay comentarios:

Publicar un comentario